martes, 25 de octubre de 2011

Sed fugit interea fugit irreparabile tempus

«Sed fugit interea fugit irreparabile tempus»
por Rebeca Leal Eimil

A veces non lle damos importancia ao tempo e, realmente, é o dono e señor da nosa vida. Os minutos transcorren sen que, en realidade, nos demos conta no noso ir e vir diario dos nosos días. Establecemos espazos longos de tempo, calculamos a vida por cursos, por anos, por vacacións, por algún  acontecemento,... pero non somos conscientes do que a cada minuto gañamos, perdemos, cambiamos ou aprendemos.
O tempo é tan abstracto que só o sentimos cando realmente xa pasou. Séntese cando todo cambia, cando o curso habitual dos minutos e das horas, dos días e dos meses, parece deterse ante ti e soamente cando te paras a pensar no angosto pasado que che fixo chegar a ese punto e no incerto futuro que se achega paseniño.
É certo, o tempo xa non é o que era. A concepción que temos do tempo, tanto individual como cultural e colectivamente, cambia segundo nos situemos nun momento ou outro da historia. Mircea Eliade, filósofo e estudioso das relixións, apuntou que nas primeiras culturas tiñan unha concepción cíclica do tempo, marcado por ritos relacionados cos proxectos de sembra e colleita, polos solsticios e polo ritmo do sol e dalgúns astros, por festividades relixiosas periódicas, por celebracións da fundación desa cultura. Pero o tempo, como medida, non tiña valor.
Ese valor do tempo varía noutras latitudes e, deste xeito, na mentalidade hindú diferenciábanse dúas realidades: o cambiante e o permanente. Deste xeito, o cambiante atópase sometido baixo o xugo do paso do tempo e do desgaste das formas e da materia; mentras que o permanente, o imperecedeiro, o que é o verdadeiro ser, está no ser interior vencellado a un mundo eterno atemporal.
Os gregos, encabezados polas ideas de Parménides, Platón e Aristóteles, conclúen en consideralo algo numérico e fixo, á vez, que algo capaz de ser captado por unha alma. Para os romanos, o tempo dividíase en ocio e negocio, de xeito que, seguindo a súa concepción pragmática, o ser humano ten un destino concreto que descubrir e realizar para chegar a ser. Consideran, pois, o tempo non como algo numérico e cuantitativo, senón como unha oportunidade para facer un bo uso del no noso propio aproveitamento. A expansión do cristianismo, na Idade Media, trouxo consigo a idea dun tempo lineal, cun principio e cun final que é a eternidade. O cambio chegou, na Idade Moderna, coa aparación do reloxo mecánico e a partir de Galileo e Newton, así é que o tempo deixou de ser subxectivo e comeza a concebirse como algo matemático, fixo, absoluto e medible.
Xa no mundo contemporáneo, chegou a auténtica revolución da man de Albert Einstein, ao introducir o concepto de espazo-tempo. Xa non só temos unha concepción subxectiva da duración dun acontecemento, senón que está en función do suxeito que vive ese momento e na posición estática ou en movemento de quen o mide. 
Pero, no teu día a día, as teorías sobre o tempo e a súa concepción desvanécense. No pasar dos minutos, as túas tarefas diarias eclipsan os “tictac” dos reloxos ata que, algo cambia, e te das de conta de que o tempo corrompe todo, que o cambia, que o modela e que, en ocasións, o desfai.
“Tempus fugit” clamaba Virxilio, pero somos nós os que estamos a tempo de non deixalo marchar, de aproveitalo, de aprender a ser conscientes del. O tempo pasa e non volve, o tempo dá unha oportunidade, quizais a última, para dicir, bicar, abrazar, amar... e para que nunca o tempo decida o teu futuro, ese tempo incerto que esperamos nun tempo presente, recordando un tempo xa pasado.
Por iso, neste presente, aproveitemos para tomar conciencia do tempo e a súa importancia nas nosas vidas, que o “tictac” do reloxo non marque un compás, senón que sexa a banda sonora dunha vida na que o tempo non ten un papel protagonista e nós, co seu bo e consciente aproveitamento, sexamos os personaxes dunha historia temporal.

0 comentarios:

Publicar un comentario